viernes, 20 de junio de 2014

Opinión do coordinador do Proxecto Terra ao traballo da alameda

Unha vez rematado o curso quero que saibades a opinión do coordinador do Proxecto Terra. Neste pantallazo do espazo Redeiras da Consellería de Educación tedes a opinión de José Manuel Rosales sobre o traballo da alameda. Ante isto só podo dar as grazas e trasladar os parabéns ao alumnado participante. Un comentario así sempre é un reforzo para seguir nesa liña de traballo docente.

jueves, 5 de junio de 2014

Carta ao Alcalde de Ponte Caldelas

Esta é a carta que o grupo de alumnos e alumnas de 3º ESO- A vai enviar ao Alcalde da vila de Ponte Caldelas. A autora da comunicación en nome do grupo foi Aida Lorenzo Martínez quen recolleu no texto as principais conclusións dos seus compañeiros.

Sr. D. Perfecto Rodríguez,  Alcalde de Ponte Caldelas, :
O alumnado de 3º ESO do IES de Ponte Caldelas está a participar un ano máis no Proxecto Terra. Este proxecto, promovido polo COAG  e o Plan Proxecta da Consellería de Educación, propón un tema de estudo sobre o territorio e a paisaxe arquitectónica que nos rodea.  Este curso o tema de traballo proposto é o espazo como lugar de encontro. No noso centro entendemos que a alameda de Ponte Caldelas podería cumprir con esa función, razón pola que decidimos estudala.
Despois dun tempo investigando e recollendo datos, os alumnos e alumnas de 3º da ESO queríamos comunicarlle as conclusións ás que chegamos. A finalidade da nosa investigación era descubrir a importancia que ten na actualidade a alameda como lugar de encontro e indagar posibles alternativas que axuden a potenciar todas as oportunidades deste espazo.
Unha das conclusións máis preocupantes é  que a alameda nos últimos tempos converteuse nun lugar de paso máis que de encontro, a pesar de que os veciños seguen a considerala como un lugar de referencia dentro da vila. A xente maior é a que máis a usa, especialmente para pasear durante as mañás. A mocidade é a que menos a transita, xa que prefiren lugares alternativos como o ciber da vila, a beira do río, o parque ou as zonas deportivas.
 Pensando nalgunhas opcións que poderían facer da alameda un espazo máis transitado, en especial, pola xente máis nova, cremos que estas pasan por:
·         Potenciar a súa utilización no verán,  época na que a alameda presenta un aspecto máis atractivo, con organización de exposicións, mostras de arte, actividades infantís...
·         Cambiar a disposición do mobiliario urbano (bancos en forma de U) e mesmo introducir un espacio chill-out.
Por outro lado, hai certas reformas deste espazo que son necesarias :
·         O firme, xa que no inverno fanse pozas e resulta moi incómoda a circulación.
·         O mobiliario urbano, comentado anteriormente.
·         A iluminación. Algunhas persoas enquisadas coinciden en que se fai algo escasa polas noites.
Estas reformas non deberían facerse por unha cuestión estética porque a zona axardinada é a parte máis bonita, pero cunha absoluta inutilidade como espazo de encontro e comunicación. Pensamos que estas propostas poderían ser viables e darían cumprimento a algunhas das necesidades expostas polo veciñanza enquisada.
O cambio e renovación non só debería realizarse na alameda en si. Unha parte da investigación ocupábase dos edificios que se atopan no lugar, o estilo arquitectónico dominante e a renovación urbana realizada e o seu grao de integración na zona. Chegamos a un acordo unánime de que algúns dos edificios precisan dunha rehabilitación urxente. As reformas deben realizarse cun mínimo impacto porque xa hai certos edificios que presentan volumes inadecuados para a zona.
Por último, analizando un pouco a parte comercial e económica cremos que se debería de aproveitar mellor a presenza do mercado, potenciando o comercio de proximidade. É nesta parte onde a alameda triunfa, xa que a feira é clave para o lugar e é a principal función da alameda. Porén, o espazo comeza a quedar pequeno para os postos, sinal de que a feira ten éxito, e precisa unha reordenación que a faga máis atractiva. Tamén a alameda ten éxito como escenario das festas da vila, que lle aportan á Ponte Caldelas un gran poder de atracción co conseguinte revulsivo económico e cultural.
Con esta carta pretendemos contribuír na mellora da alameda e a que se faga algo por recuperar a utilización deste lugar máis aló das feiras e das festas. Estamos ante un espazo representativo da vila e con moita importancia ao longo da historia de Ponte Caldelas.
Se vostede quere pode ollar o traballo completo do grupo poderá achegarse a el na ligazón seguinte:
Atentamente,

                   Os alumnos de 3º da ESO do IES de Ponte Caldelas.

domingo, 25 de mayo de 2014

Centro Recreativo Xuvenil

CENTRO RECREATIVO XUVENIL
Presentamos un proxecto para que a alameda de Ponte Caldelas sexa máis visitada e transitada. O proxecto é un centro recreativo xuvenil dirixido a xóvenes de 12 a 18 anos. Co obxetivo de ser un espazo de acollida das diferentes actividades organizadas pola xuventude da vila e proporcionar unha boa convivencia e ocio.
Información 
HORARIO (por exemplo)
De luns a venres de 16:00 h. a 22:00 h.
Sábados de 10:00 h. a 14:00 h. e de 17:00 h. a 21:00 h.

SERVIZOS E EQUIPAMENTOS:

- Salas pequenas de ensaio para grupos musicais.
- Cafetería.
- Sala para dar charlas e outros actos.

- Salas de usos múltiples.

-Servicio de internet nunha ciberaula con ordenadores os que se pode acceder de forma gratuita con espazo wifi. 
-Área recreativa de xogos (billar, futbolín, dardos, ping-pong, karaoke…).  
-Xogos de mesa (parchís, damas, axedrez, dominó, cartas, tres en raya, etc.).
-Sala de cine.

ALGÚNS CURSOS (opcionais) : pintura, baile, alimentación, medio ambiente, fotografía, música, maquillaxe, talleres musicais, consumo, aeróbic, etc.




SITUACIÓN (lugar) : Na rúa marín nº6 baixo do Edificio Plaza. O máis cerca posible da alameda, onde indica a frecha vermella.


Un exemplo, como centro xuvenil en España é o de Guardo, en Palencia.
Do que se poden ver algunhas fotografías das súas instalacións, coma estas: 



lunes, 19 de mayo de 2014

Relación de ideas forza sobre o traballo da alameda

A alameda de Ponte Caldelas ten unha superficie de 3440 m2. Ocupa un espazo no centro da vila. 
1. A alameda converteuse nun lugar de paso. Perdeu centralidade na vila, pero segue conservando boa imaxe entre a cidadanía, como un lugar que ocupa unha boa posición. Só resulta usado polos maiores polas mañás. Ocasionalmente pode ser usado por algunhas familias.
2. A función principal deste espazo ten lugar durante os días de feira e os días das festas.
3. Compite con outros espazos máis frecuentados pola poboación en xeral e, en especial, pola mocidade: o parque , as zonas deportivas, o ciber, a beira do río...
4. Os edificios que arrodean este espazo cumpren cunha función residencial. Hai exemplos de rehabilitación e exemplos de renovación. Unha renovación moi discutible. Algúns inmobles precisan dunha actuación urxente.
5. A feira é clave para a dinamización económica da vila. O espazo da feira está a quedar pequeno.
6. O verán é un momento único para potenciar este espazo. En inverno non é o lugar máis axeitado.
7. Realizar más actividades ao aire libre para potenciar este espazo máis aló da feira e festas: actividades lúdicas, mostras de artesanía...
8. Precisa mellorar o firme, renovar o mobiliario urbano e a iluminación.
9. Os cambios que se introduzan non van pola cuestión estética. De feito, o espazo axardinado está morto.
10. Aproveitando a presenza do mercado debería potenciarse máis o comercio de proximidade.
11. Hai quen pensa que outra disposición do mobiliario ou mesmo introducir un espazo chill-out pode ser un aliciente.

viernes, 16 de mayo de 2014

Análise DAFO sobre a alameda de Ponte Caldelas

Esta mañá, na clase de xeografía, fixemos unha posta en común das debilidades, fortalezas, ameazas e oportunidades que ten o espazo da alameda. A táboa reflicte o resultado das aportacións dos diferentes grupos. Despois o traballo en equipo deixou paso a un debate colectivo a nivel de toda a clase onde se discutiu se a iluminación podería ser considerada ou non unha debilidade ou se os bancos merecen ser cambiados. Esos puntos de vista diferentes debedes levalos a este blog para que quede constancia do proceso de análise.




jueves, 8 de mayo de 2014

EVOLUCIÓN DA ALAMEDA A DIFERENTES HORAS DO DÍA OS DISTINTOS DÍAS DA SEMANA.

Tras varios días analizando a actividade no espazo da alameda podemos dicir que este espazo está menos transitado do que se pensaba. É difícil ver a máis de oito persoas á vez, salvo cando hai feira, xa que estes dous días (5 e 20 de cada mes) e os días de festa son os momentos nos que a alameda ten xente. Fóra desas circunstancias a alameda é un lugar de paso.




















Habitualmente, polas mañás non hai demasiada xente, xa que a maioría está traballando ou no colexio/instituto. As únicas persoas que teñen tempo libre neses momentos do día son as persoas maiores que aproveitan a tranquilidade da mañá para relaxarse, ir ás cafeterías e relacionarse con outras persoas.

Polas tardes as persoas maiores xa non se paran tanto, as de mediana idade tampouco adoitan pasar por alí salvo cando teñen tempo libre e deciden dar unha volta cos fillos para descansar ou darlles a merenda.

A mocidade só usa a alameda como lugar de paso. Crúzana para ir á praza, ao campo de fútbol, ao parque ou ao Ciber. Estes son os lugares que están desprazando a alameda como espazos de preferencia por parte da mocidade. Alí síntese máis cómoda e con xente da súa mesma idade coa que falar tranquilamente.





















Na fin de semana obsérvanse algunhas familias, amigos ou parellas paseando ao longo da alameda e en ocasións parando nalgunha das cafeterías da zona, na maioría dos casos continúan o paseo por Caldelas.

Outro punto a ter en conta é que non en todas as épocas do ano a alameda está igual de ocupada, posto que no outono e no inverno é cando más baleira se atopa. Inflúen, sobretodo, as baixadas de temperatura e as precipitación que forman lameiras no chan xa que este é de area. Na primavera é no verán é cando podemos apreciar un pequeno aumento de xente neste espazo pola mellora do tempo, as árbores dan sombra, comezan as festas..

Como conclusión podemos sacar que a alameda segue estando transitada ainda que cada vez en menor medida, xa que é a xente maior a que máis tempo pasa alí, sendo a mocidade a que elixe outros lugares para o seu tempo de ocio. Tamén sacamos que non sempre a estética é o máis importante (inflúe moito) xa que tamén se observou que á hora de invertir o tempo libre a xente prefería o espazo das árbores ao espazo axardinado, que recoñeceron que era, estéticamente, más bonito.










jueves, 1 de mayo de 2014

Análise da arquitectura dos inmobles que rodean a alameda de Ponte Caldelas


A actual alameda de Ponte Caldelas está rodeada por numerosos edificios que cumpren diferentes funcións, sendo a máis abundante a residencial.
Moitos dos edificios que os veciños da vila lembran desde que naceron fóronse renovando e outros, pola contra, son novos aínda que están perfectamente adaptados á liña construtiva do espacio, evitando un importante impacto no entorno.

 Nestas fotografías pódense apreciar como os inmobles
 máis novos se incorporan perfectamente no entorno utilizando
 materiais abundantes na zona (granito, lousa, tella) ou procurando
 regular a súa altura para que non destaque con respecto  dos inmobles máis antigos.


                 




              A maioría dos seus baixos están ocupados por
              cafeterías e tendas o que supón para a
              alameda ser, a parte dun lugar de encontro,
              un lugar de paso.  




       



  
             Este inmoble foi o último que se construíu  
             no arredor da alameda. Rematouse no ano   
             2005 e a súa promotora foi a inmobiliaria  
             "Ferma".


            Este edificio foi construído en 1999 e    
            empregou os soportais que xa había no seu  
            sitio para  mimetizarse co espacio e incluílos   
            como parte del.

           Outros edificios que compoñen os bordos da
           alameda son bastante máis antigos ca os
            anteriores. A maioría deles foron construídos a
            comezos do século pasado pero dende entón xa
            foron rehabilitados e actualmente mostran un
            aspecto moi renovado.
       
            Ao igual que nos baixos dos inmobles   
            anteriores, estes tamén teñen negocios e  
            tendas instalados neles. Na primeira 
            fotografía pódese ver o café-bar Fidel, un dos  
            máis antigos da vila. Este bar (que antes de  
            café foi un ultramarinos), leva ao redor de cen anos                                     funcionando que o converte nun   
            dos lugares máis populares da zona entre a
            xente maior.

                   









 Esta casa é a que máis destaca no contorno da alameda,
 xa que foi a única casa antiga que non recibiu case
 ningún tipo de rehabilitación. Ademais, é a única  vivenda
 que se atopa deshabitada.


                                                  
                                                  





                                                 


                                                











Unha vivenda que sen dúbida destaca fronte ao
 resto é a que se pode ver nestas fotografías.

  
    

 Esta é unha casa indiana, estilo moi presente na
 zona xa que hai moitas persoas que emigraron
 a América Latina décadas atrás e que ao volver
 quixeron mostrar mediante estas construcións o
 o ben que lle foi naquelas terras.
 A arquitectura indiana ten dúas características
 principais que a fai única e que a diferencian
 das demais: Os muros son de granito ben                                       traballado, con bloques perfectamente
 encaixados e nela destaca a importancia da
 ornamentación, especialmente nas vidreiras e

 nas balaustradas. A parte destas dúas hai outra
 característica a destacar nas casas indianas e
 que esta casa non posúe: grandes xardíns ben
 coidados, con impoñentes muros que os  
 delimitan.


      
      Por último mostramos dous edificios con funcións
      totalmente diferentes aos anteriores: o Centro                                   Cultural e o mercado.

      O Centro Cultural é un dos edificios máis antigos
      da vila. Ao longo da súa historia tivo usos
      diferentes como cárcere ou edificio do concello.
      Na actualidade ten diferentes usos como
      biblioteca ou centro de ensaio para algúns grupos
      do concello.

     O mercado pola súa parte sempre tivo a mesma
     función. Desde a súa construción, en 1907, este
     edificio foi o centro do comercio de produtos
     alimenticios que se segue mantendo con catro
     postos nas súas instalacións: dúas carnicerías, 
     unha froitería e unha peixería. 



Membros do grupo: Aida, Diego, Alejandra e Gabriel.                          

sábado, 12 de abril de 2014

A alameda de Ponte Caldelas nun día de feira

Un traballo do grupo de Uxía, Lucía, Milagros e Tatiana

Opinión dos vendedores

Todos os vendedores proceden de distintos lugares da comarca de Pontevedra. A maioría deles veñen sempre a Ponte Caldelas cando hai feira, aínda que as razóns de por qué veñen son distintas: uns veñen a vender mentres que outros , ao ser máis dunha persoa a que  atende o mesmo posto, aproveitan ese tempo para visitar a aldea ou incluso para mercar noutros postos e axudar aos compañeiros do oficio. É dicir, que moitos vendedores non virían a Ponte Caldelas se a feira deixase de existir. 


Todos coinciden en que a alameda é un lugar apropiado para vender no tempo de verán; en cambio, coas chuvias do inverno, o chan da alameda ao converterse nunha lameira, transfórmase  nun lugar incómodo para vender e mercar, por iso baixa a afluencia de compradores nesas épocas. A pesar diso, algúns vendedores pensan que a alameda está a quedar pequena porque antes entraban todos no espazo correspondente, mentres que agora os postos superanna, invadindo ás rúas principais da aldea.


O que máis lles gusta aos vendedores é o trato da xente. Porén hai cousas que consideran unha inxustiza, como por exemplo, que haxa vendedores con toda a documentación necesaria para vender na feira, que pagan por estar alí e que sempre teñan que rifar con aqueles que non teñen os papeles precisos para facelo e non pagan nada. Solicitan máis medidas contra isto para que fose un comercio un pouco máis xusto.


Un tema que preocupa é o estado do espazo da alameda. As respostas a este tipo de preguntas non teñen unha única resposta , senón que hai división de opinións: por un lado, hai xente que pensa que todo está ben e outra que pensa que sería necesario cambiar cousas tan fundamentais como : a distribución das árbores, os bancos, o piso de terra...


Tanto compradores como vendedores pensan que senón houbera alameda habería que inventar un espazo similar porque din que  é un espazo de convivencia .
   
Unha das preguntas onde os vendedores tiñan toda a libertade de opinión era a que dicía se lles gustaría seguir vendendo neste tipo de ``comercio´´ ou preferiría vender en centros comercias , practicamente todos os vendedores responderon que lles gustaría vender nos centros comercias porque é outro tipo de ambiente no que a mocidade é son a clave para que este tipo de comercio siga a flote. E con esta resposta querían explicar que as persoas maiores teñen outra visión deste tipo de mercado distinta a da mocidade, que o único que buscan é comprar roupa de marca e intentar parecerse os demais comprando en tendas coñecidas e importantes.




Nunha das preguntas finais, os comerciantes tiñan que dicirnos como promocionarían a feira  e convecerían á xente para que se achegara a mercar nela. A resposta foi que na feira atópase a mesma roupa que nas tendas de moda , de calidade e bastante máis  barata, ademais de que se renova a roupa exposta cada pouco tempo e hai moita variedade onde elixir .

Opinión dos compradores

Todos os transeúntes entrevistados  procedían de zonas dos arredores de  Ponte Caldelas . Cando se lles preguntou o fin da súa visita á feira houbo varias respostas, por exempo: a dar unha volta, mercar algo, a comer polvo...


Ao preguntarlle se virían á alameda se non houbera feira todos responderon que non, xa que actualmente a xente utiliza máis outros lugares para quedar e non hai nada que facer nela.

O espazo da alameda  é un lugar axeitado para situar unha feira, especialmente no verán. Resulta cómodo para os vendedores xa que poden ter os furgóns onde transportan a súa mercadoría preto deles. Aínda así, coas inclemencias do tempo no inverno, convértese nun paseo pasado por auga e cheo de lama. A alternativa proposta para que non pase isto é trasladala ao pavillón recén reformado durante os días de choiva.

Pensan que é un lugar cómodo para mercar xa que está ao aire libre e convértese no lugar ideal para atoparse  con amigos e xente coñecida.

Cren que comeza a quedar pequena porque hai moitos postos e non teñen unha distribución axeitada.

O que máis gusta de vir a mercar nun día de feira é atopar roupa bonita e de calidade a bo prezo e atoparse con xente coñecida no lugar.

Se estivera nas mans dalgunha xente corrente cambiar algo da alameda quitaríase o chan de area  por outro tipo máis consistente. Outra pensa que se deberían pór máis árbores . Tamén celebrarían máis acontecementos na alameda ou crearían programas de xogo e de entretemento para os nen@s e adultos da zona.

Cando se pregunta se a alameda está ben ou se eliminaría algo , o chan é o máis criticado da zona .

Todas as persoas responderon que se non existise a alameda, habería que inventala .

A alameda está chea de vida nos días de feira e festa ; o resto do ano está practicamente deserta porque nela non hai nada atractivo e que chame a atención para facer ou ver .



A metade das persoas responderon que lles gusta máis mercar nos centros comerciais pola comodidade que lles ofrece. A outra metade contestou que lles gusta máis mercar na feira pola boa calidade que ten a mercadoría sendo bastante máis barata que a dos centros comerciais.

Os entrevistados responderon que cren que a feira beneficia aos establecementos circundantes á feira porque a xente tamén se achega a tomar algo, a comer polvo , a comer nalgún restaurante ou cafetería, etc.

  Ao preguntar se se debería suprimir a feira, a resposta foi un non rotundo, xa que chama a xente a vir a Ponte Caldelas, a coñecer o lugar e a pasar un agradable rato cos seus habitantes.

É un espazo vivo e de convivencia se se chama á xente a vir á alameda, senon queda valeiro de todo. Hai que promocionar este emprazamento para que non se perda no tempo.


Percepción da cidadanía sobre este espazo



A alameda é o centro xeográfico da vila, pero non se percibe como lugar encontro





A maioría dos enquisados coinciden en que o espazo da Alameda é o centro da vila, mais indican que non é o lugar máis importante actualmente nin o máis utilizado. Moitos adultos afirman que os espazos máis frecuentados son o paseo do río, a calzada, a zona deportiva e as cafeterías. A mocidade enquisada sitúa os espazos de encontro no videoclube, detrás do mercado e no campo de fútbol.


A práctica totalidade dos enquisados afirman que só acoden á alameda en días puntuais durante as festas e feiras e non a consideran un espazo de encontro. Este rexeitamento aumenta en inverno xa que o espazo da alameda convértese nunha “lameira”, xa sexa pola mala drenaxe ou polas propias características do firme.

Entre as principais melloras que introducirían os enquisados figuran: poñer espazos con céspede, un camiño de adoquíns, os bancos orientados en “u” nalgunhas zonas para facilitar a conversa, iluminar mellor o espazo pola noite ou incluso poñer música tranquila na zona da fonte. Moita xente está acordo de que no verán convértese nun espazo agradable grazas a sombra dos plátanos, mais pensan que habería que potenciar máis o espazo con actividades aparte do uso clásico para a feira e as festas.


Respecto do mobiliario o máis criticado son os bancos (tanto os da zona axardinada como os da área cuberta polos plátanos de sombra), seguidos pola iluminación nocturna. Hai quen considera as xardineiras un gasto innecesario.


No que se refire aos edificios que arrodean a alameda moitos enquisados están de acordo en que algúns edificios recentemente construídos están fóra de contexto e que habería que potenciar máis a rehabilitación dalgún inmoble vello.



Varios enquisados sabían do uso anterior da Casa da Cultura como un edificio destinado a penitenciaría. A maioría son usuarios da Casa da Cultura, de cando en vez, e consideran que está ben, pero tamén comentan que se poderían aforrar o repicar das campás nas horas nocturnas porque é algo ilóxico e moi molesto.


 Pola contra, non son usuarios do mercado porque consideran que os seus prezos son moi elevados, non teñen os prezos marcados, o que non facilita a compra, e hai pouca variedade de produtos. A xente non cre necesario habilitar un aparcadoiro subterráneo, e algúns pensan que se debería dar uso os baixos dos edificios colindantes para darlle máis vida a zona.