sábado, 12 de abril de 2014

Percepción da cidadanía sobre este espazo



A alameda é o centro xeográfico da vila, pero non se percibe como lugar encontro





A maioría dos enquisados coinciden en que o espazo da Alameda é o centro da vila, mais indican que non é o lugar máis importante actualmente nin o máis utilizado. Moitos adultos afirman que os espazos máis frecuentados son o paseo do río, a calzada, a zona deportiva e as cafeterías. A mocidade enquisada sitúa os espazos de encontro no videoclube, detrás do mercado e no campo de fútbol.


A práctica totalidade dos enquisados afirman que só acoden á alameda en días puntuais durante as festas e feiras e non a consideran un espazo de encontro. Este rexeitamento aumenta en inverno xa que o espazo da alameda convértese nunha “lameira”, xa sexa pola mala drenaxe ou polas propias características do firme.

Entre as principais melloras que introducirían os enquisados figuran: poñer espazos con céspede, un camiño de adoquíns, os bancos orientados en “u” nalgunhas zonas para facilitar a conversa, iluminar mellor o espazo pola noite ou incluso poñer música tranquila na zona da fonte. Moita xente está acordo de que no verán convértese nun espazo agradable grazas a sombra dos plátanos, mais pensan que habería que potenciar máis o espazo con actividades aparte do uso clásico para a feira e as festas.


Respecto do mobiliario o máis criticado son os bancos (tanto os da zona axardinada como os da área cuberta polos plátanos de sombra), seguidos pola iluminación nocturna. Hai quen considera as xardineiras un gasto innecesario.


No que se refire aos edificios que arrodean a alameda moitos enquisados están de acordo en que algúns edificios recentemente construídos están fóra de contexto e que habería que potenciar máis a rehabilitación dalgún inmoble vello.



Varios enquisados sabían do uso anterior da Casa da Cultura como un edificio destinado a penitenciaría. A maioría son usuarios da Casa da Cultura, de cando en vez, e consideran que está ben, pero tamén comentan que se poderían aforrar o repicar das campás nas horas nocturnas porque é algo ilóxico e moi molesto.


 Pola contra, non son usuarios do mercado porque consideran que os seus prezos son moi elevados, non teñen os prezos marcados, o que non facilita a compra, e hai pouca variedade de produtos. A xente non cre necesario habilitar un aparcadoiro subterráneo, e algúns pensan que se debería dar uso os baixos dos edificios colindantes para darlle máis vida a zona.

3 comentarios:

  1. Estou de acordo en todos os aspectos do traballo excepto nalgunha das melloras que se reclaman, sobre todo na petición de máis espazos con céspede, posto que xa contamos cun espazo axardinado cunha estética estupenda e é a zona da alameda que, habitualmente, está máis baleira.

    ResponderEliminar
  2. O traballo realizado por este grupo está moi ben. A proposta de colocar bancos en forma de "u" para facilitar a conversa, en troques dos actuais páreceme moi axeitada e que tería unha gran aceptación por parte da cidadanía. Polo demais, coincido con case todo o exposto, pero a miña opininión contrasta con certos aspectos:
    O firme da alameda debería cambiarse, ben é certo, pero o máis axeitado para esta renovación non creo que sexa optar polo céspede, xa que como ben di Alba, na alameda xa existe unha zona axardinada e está inutilizada.
    Na miña opinión, o mellor sería colocar un paseo de adoquíns na zona central para que os transeúntes poidan pasear en inverno sen as incomidades que proporciona o actual chan e deixar o resto do espazo en area. Desta maneira, as persoas poderían pasear pola alameda sen ningún tipo de problemas e seguiría servindo para realizar as feiras, festas e como lugar para celebrar novos acontecementos.
    Tamén discordo con que o repicar das campás resulta molesto para a poboación, penso que é unha acción de gran trascendencia cultural e histstórica, que en absoluto resulta incómodo para os habitantes, senón todo o contrario, polo que eliminar estes sons sería un grave erro.
    Por último engadir que, na miña opinión, o mercado é un espazo moi transitado polos veciños para realizar aquí as súas compras. Como ben indica este traballo, neste comercio os prezos son maiores que nas grandes superficies, pero tamén hai que ter en conta que o mercado nos ofrece unha boa variedade dos productos e totalmente frescos, polo que isto pode facer compensar os prezos un tanto elevados.

    ResponderEliminar
  3. Totalmente de acordo cos comentarios de Alba e Antía: Non sería un acerto poñer céspede en todo o piso da alameda, xa que se faría moi incómodo coa chuvia e o que se está buscando é unha alternativa concretamente para cando chove. Se se puxera céspede en só unha parte da alameda, a maiores da zona axardinada que xa hai, diminuiría moito o espazo libre e, tendo en conta que nos días de feira os postos xa se estenden moito fóra do espazo desta, precisaríase estendela aínda máis polas rúas da vila.
    Respecto do repique que dan as campás penso que non é molesto en absoluto, incluso pode chegar a ser cómodo xa que nos evita mirar o reloxo en certas ocasións.
    Por último quería apuntar que os veciños da zona debemos seguir visitando o mercado porque débese apoiar o pequeno comercio, aínda que os grandes almacéns nos ofrezan en bandexa todas as comodidades.

    ResponderEliminar