sábado, 12 de abril de 2014

A alameda de Ponte Caldelas nun día de feira

Un traballo do grupo de Uxía, Lucía, Milagros e Tatiana

Opinión dos vendedores

Todos os vendedores proceden de distintos lugares da comarca de Pontevedra. A maioría deles veñen sempre a Ponte Caldelas cando hai feira, aínda que as razóns de por qué veñen son distintas: uns veñen a vender mentres que outros , ao ser máis dunha persoa a que  atende o mesmo posto, aproveitan ese tempo para visitar a aldea ou incluso para mercar noutros postos e axudar aos compañeiros do oficio. É dicir, que moitos vendedores non virían a Ponte Caldelas se a feira deixase de existir. 


Todos coinciden en que a alameda é un lugar apropiado para vender no tempo de verán; en cambio, coas chuvias do inverno, o chan da alameda ao converterse nunha lameira, transfórmase  nun lugar incómodo para vender e mercar, por iso baixa a afluencia de compradores nesas épocas. A pesar diso, algúns vendedores pensan que a alameda está a quedar pequena porque antes entraban todos no espazo correspondente, mentres que agora os postos superanna, invadindo ás rúas principais da aldea.


O que máis lles gusta aos vendedores é o trato da xente. Porén hai cousas que consideran unha inxustiza, como por exemplo, que haxa vendedores con toda a documentación necesaria para vender na feira, que pagan por estar alí e que sempre teñan que rifar con aqueles que non teñen os papeles precisos para facelo e non pagan nada. Solicitan máis medidas contra isto para que fose un comercio un pouco máis xusto.


Un tema que preocupa é o estado do espazo da alameda. As respostas a este tipo de preguntas non teñen unha única resposta , senón que hai división de opinións: por un lado, hai xente que pensa que todo está ben e outra que pensa que sería necesario cambiar cousas tan fundamentais como : a distribución das árbores, os bancos, o piso de terra...


Tanto compradores como vendedores pensan que senón houbera alameda habería que inventar un espazo similar porque din que  é un espazo de convivencia .
   
Unha das preguntas onde os vendedores tiñan toda a libertade de opinión era a que dicía se lles gustaría seguir vendendo neste tipo de ``comercio´´ ou preferiría vender en centros comercias , practicamente todos os vendedores responderon que lles gustaría vender nos centros comercias porque é outro tipo de ambiente no que a mocidade é son a clave para que este tipo de comercio siga a flote. E con esta resposta querían explicar que as persoas maiores teñen outra visión deste tipo de mercado distinta a da mocidade, que o único que buscan é comprar roupa de marca e intentar parecerse os demais comprando en tendas coñecidas e importantes.




Nunha das preguntas finais, os comerciantes tiñan que dicirnos como promocionarían a feira  e convecerían á xente para que se achegara a mercar nela. A resposta foi que na feira atópase a mesma roupa que nas tendas de moda , de calidade e bastante máis  barata, ademais de que se renova a roupa exposta cada pouco tempo e hai moita variedade onde elixir .

Opinión dos compradores

Todos os transeúntes entrevistados  procedían de zonas dos arredores de  Ponte Caldelas . Cando se lles preguntou o fin da súa visita á feira houbo varias respostas, por exempo: a dar unha volta, mercar algo, a comer polvo...


Ao preguntarlle se virían á alameda se non houbera feira todos responderon que non, xa que actualmente a xente utiliza máis outros lugares para quedar e non hai nada que facer nela.

O espazo da alameda  é un lugar axeitado para situar unha feira, especialmente no verán. Resulta cómodo para os vendedores xa que poden ter os furgóns onde transportan a súa mercadoría preto deles. Aínda así, coas inclemencias do tempo no inverno, convértese nun paseo pasado por auga e cheo de lama. A alternativa proposta para que non pase isto é trasladala ao pavillón recén reformado durante os días de choiva.

Pensan que é un lugar cómodo para mercar xa que está ao aire libre e convértese no lugar ideal para atoparse  con amigos e xente coñecida.

Cren que comeza a quedar pequena porque hai moitos postos e non teñen unha distribución axeitada.

O que máis gusta de vir a mercar nun día de feira é atopar roupa bonita e de calidade a bo prezo e atoparse con xente coñecida no lugar.

Se estivera nas mans dalgunha xente corrente cambiar algo da alameda quitaríase o chan de area  por outro tipo máis consistente. Outra pensa que se deberían pór máis árbores . Tamén celebrarían máis acontecementos na alameda ou crearían programas de xogo e de entretemento para os nen@s e adultos da zona.

Cando se pregunta se a alameda está ben ou se eliminaría algo , o chan é o máis criticado da zona .

Todas as persoas responderon que se non existise a alameda, habería que inventala .

A alameda está chea de vida nos días de feira e festa ; o resto do ano está practicamente deserta porque nela non hai nada atractivo e que chame a atención para facer ou ver .



A metade das persoas responderon que lles gusta máis mercar nos centros comerciais pola comodidade que lles ofrece. A outra metade contestou que lles gusta máis mercar na feira pola boa calidade que ten a mercadoría sendo bastante máis barata que a dos centros comerciais.

Os entrevistados responderon que cren que a feira beneficia aos establecementos circundantes á feira porque a xente tamén se achega a tomar algo, a comer polvo , a comer nalgún restaurante ou cafetería, etc.

  Ao preguntar se se debería suprimir a feira, a resposta foi un non rotundo, xa que chama a xente a vir a Ponte Caldelas, a coñecer o lugar e a pasar un agradable rato cos seus habitantes.

É un espazo vivo e de convivencia se se chama á xente a vir á alameda, senon queda valeiro de todo. Hai que promocionar este emprazamento para que non se perda no tempo.


Percepción da cidadanía sobre este espazo



A alameda é o centro xeográfico da vila, pero non se percibe como lugar encontro





A maioría dos enquisados coinciden en que o espazo da Alameda é o centro da vila, mais indican que non é o lugar máis importante actualmente nin o máis utilizado. Moitos adultos afirman que os espazos máis frecuentados son o paseo do río, a calzada, a zona deportiva e as cafeterías. A mocidade enquisada sitúa os espazos de encontro no videoclube, detrás do mercado e no campo de fútbol.


A práctica totalidade dos enquisados afirman que só acoden á alameda en días puntuais durante as festas e feiras e non a consideran un espazo de encontro. Este rexeitamento aumenta en inverno xa que o espazo da alameda convértese nunha “lameira”, xa sexa pola mala drenaxe ou polas propias características do firme.

Entre as principais melloras que introducirían os enquisados figuran: poñer espazos con céspede, un camiño de adoquíns, os bancos orientados en “u” nalgunhas zonas para facilitar a conversa, iluminar mellor o espazo pola noite ou incluso poñer música tranquila na zona da fonte. Moita xente está acordo de que no verán convértese nun espazo agradable grazas a sombra dos plátanos, mais pensan que habería que potenciar máis o espazo con actividades aparte do uso clásico para a feira e as festas.


Respecto do mobiliario o máis criticado son os bancos (tanto os da zona axardinada como os da área cuberta polos plátanos de sombra), seguidos pola iluminación nocturna. Hai quen considera as xardineiras un gasto innecesario.


No que se refire aos edificios que arrodean a alameda moitos enquisados están de acordo en que algúns edificios recentemente construídos están fóra de contexto e que habería que potenciar máis a rehabilitación dalgún inmoble vello.



Varios enquisados sabían do uso anterior da Casa da Cultura como un edificio destinado a penitenciaría. A maioría son usuarios da Casa da Cultura, de cando en vez, e consideran que está ben, pero tamén comentan que se poderían aforrar o repicar das campás nas horas nocturnas porque é algo ilóxico e moi molesto.


 Pola contra, non son usuarios do mercado porque consideran que os seus prezos son moi elevados, non teñen os prezos marcados, o que non facilita a compra, e hai pouca variedade de produtos. A xente non cre necesario habilitar un aparcadoiro subterráneo, e algúns pensan que se debería dar uso os baixos dos edificios colindantes para darlle máis vida a zona.

Analise histórico da alameda de Ponte Caldelas

O grupo de Antía, Yanira, Borja e Alejandro envía este texto e imaxes que paso a pegar integramente. A partir de aquí agradécese a participación de todos e todas cos vosos comentarios:

Nesta fotografía podemos contemplar a beleza da alameda nun día nublado dende a entrada principal desta. Dende este ángulo observamos as dúas filas principais das pradairas pseudoplátanos, fermosas árbores que nos brindan un bo espazo de sombra onde pasar as tardes do verán.

Aquí podemos observar que a alameda 
conta con papeleiras para poder manter
 limpo este espazo. Ao fondo podemos 
observar o mercado, en funcionamento 
dende a súa construcción en 1907.
Esta imaxe ofrécemos unha boa visión da alameda,
coa actual biblioteca municipal ao fondo, antiga
cárcere e casa do concello.

"Nestes tempos, as alamedas poden estar baixo a sombra de calquera tipo de árbores, pero a palabra “alameda” procede de “álamo”, pois antigamente estes paseos estaban cubertos deles. O sufixo -eda vén do latín -eta, plural de -etum, e indica lugar onde abunda a raíz. Así temos as palabras arboreda, humareda, moreda, rosaleda, etc.
Aínda que a palabra álamo comence por “al-” , non é unha palabra árabe, provén do xermámico.

Nos seus inicios a Alameda de Ponte Caldelas era o Campo da Feira da vila; así nos deixa constancia diso o Padre Sarmiento en 1754 cando o atravesaba camiño da Lama.

A Alameda tal como a coñecemos hoxe xurdiu en 1903, cando se comezaron a plantar as pradairas pseudoplátanos (que se conservan na actualidade) substituíndo aos 122 carballos seculares.
Na antigüidade a Alameda era o centro de reunión máis imporatnte da vila. Desde 1766 celebrábanse duás feiras mensuais (o primeiro luns e o día 20 de cada mes), ademais de múltiples acontecementos de gran relevancia.


Na actualidade xa non ten a importancia de antes, a este espazo só se lle dá uso nos días de feira (o día 5 e o 20 de cada mes) e en acontecementos esporádicos.


A Alameda de Ponte Caldelas situáse nun lugar céntrico da vila. Nun extremo encóntrase unha zona axardinada de flores e arbustos cunha fonte no centro. Ao longo deste espazo, cun pavimento de area, tres ringleiras de árbores a percorren. Ademais conta con numerosos bancos dobres e papeleiras a carón destes. A Alameda está rodeada por edificios de traza actual con cafeterías nos baixos, ademais de casas antigas, entre as que podemos atopar fermosos exemplos de casas de orixe indiana."
Aquí podemos ver a parte principal da zona axardinada
 da alameda, a zona máis fermosa para moitos.

Estas son as dúas partes laterais da zona axardinada da alameda, 
están moi ben conservadas.















 Podemos contemplar como as casas antigas da alameda,
 na súa maioría foron reconstruídas e agora presentan un bo aspecto.













 Aquí podemos observar parte do mobiliario deste espazo: os bancos.
 Estes asentos presentan unha peculiaridade xa que son bancos dobres.
 Parte da poboación considera que resulta incómodo ocupar estes 
 asentos con alguén sentado detrás, prefiren os bancos simples.


O pavimento da alameda, ao ser de area e presentar irregularidades ,
 acarrexa un gran inconveniente para o inverno: a chuvia penetra
 na area e fórmanse charcos nas zonas máis afundidas do terreo.
 Este problema provoca dificultades para o paso dos transeúntes,
 a xente xa non pasa moito por este espazo, pero con charcos no chan, aínda menos.


A maioría da poboación opina que se debería de substituír a area
 por outro material, pero non explican cal sería o idóneo para mellorar a alameda.
 Nós opinamos que se debería facer un camiño de adoquíns pola zona central
e mellorar as irregularidades do resto do terreo, pero deixalo en area,
 xa que convertilo nunha zona axardinada inutilizaría toda a alameda.