jueves, 5 de junio de 2014

Carta ao Alcalde de Ponte Caldelas

Esta é a carta que o grupo de alumnos e alumnas de 3º ESO- A vai enviar ao Alcalde da vila de Ponte Caldelas. A autora da comunicación en nome do grupo foi Aida Lorenzo Martínez quen recolleu no texto as principais conclusións dos seus compañeiros.

Sr. D. Perfecto Rodríguez,  Alcalde de Ponte Caldelas, :
O alumnado de 3º ESO do IES de Ponte Caldelas está a participar un ano máis no Proxecto Terra. Este proxecto, promovido polo COAG  e o Plan Proxecta da Consellería de Educación, propón un tema de estudo sobre o territorio e a paisaxe arquitectónica que nos rodea.  Este curso o tema de traballo proposto é o espazo como lugar de encontro. No noso centro entendemos que a alameda de Ponte Caldelas podería cumprir con esa función, razón pola que decidimos estudala.
Despois dun tempo investigando e recollendo datos, os alumnos e alumnas de 3º da ESO queríamos comunicarlle as conclusións ás que chegamos. A finalidade da nosa investigación era descubrir a importancia que ten na actualidade a alameda como lugar de encontro e indagar posibles alternativas que axuden a potenciar todas as oportunidades deste espazo.
Unha das conclusións máis preocupantes é  que a alameda nos últimos tempos converteuse nun lugar de paso máis que de encontro, a pesar de que os veciños seguen a considerala como un lugar de referencia dentro da vila. A xente maior é a que máis a usa, especialmente para pasear durante as mañás. A mocidade é a que menos a transita, xa que prefiren lugares alternativos como o ciber da vila, a beira do río, o parque ou as zonas deportivas.
 Pensando nalgunhas opcións que poderían facer da alameda un espazo máis transitado, en especial, pola xente máis nova, cremos que estas pasan por:
·         Potenciar a súa utilización no verán,  época na que a alameda presenta un aspecto máis atractivo, con organización de exposicións, mostras de arte, actividades infantís...
·         Cambiar a disposición do mobiliario urbano (bancos en forma de U) e mesmo introducir un espacio chill-out.
Por outro lado, hai certas reformas deste espazo que son necesarias :
·         O firme, xa que no inverno fanse pozas e resulta moi incómoda a circulación.
·         O mobiliario urbano, comentado anteriormente.
·         A iluminación. Algunhas persoas enquisadas coinciden en que se fai algo escasa polas noites.
Estas reformas non deberían facerse por unha cuestión estética porque a zona axardinada é a parte máis bonita, pero cunha absoluta inutilidade como espazo de encontro e comunicación. Pensamos que estas propostas poderían ser viables e darían cumprimento a algunhas das necesidades expostas polo veciñanza enquisada.
O cambio e renovación non só debería realizarse na alameda en si. Unha parte da investigación ocupábase dos edificios que se atopan no lugar, o estilo arquitectónico dominante e a renovación urbana realizada e o seu grao de integración na zona. Chegamos a un acordo unánime de que algúns dos edificios precisan dunha rehabilitación urxente. As reformas deben realizarse cun mínimo impacto porque xa hai certos edificios que presentan volumes inadecuados para a zona.
Por último, analizando un pouco a parte comercial e económica cremos que se debería de aproveitar mellor a presenza do mercado, potenciando o comercio de proximidade. É nesta parte onde a alameda triunfa, xa que a feira é clave para o lugar e é a principal función da alameda. Porén, o espazo comeza a quedar pequeno para os postos, sinal de que a feira ten éxito, e precisa unha reordenación que a faga máis atractiva. Tamén a alameda ten éxito como escenario das festas da vila, que lle aportan á Ponte Caldelas un gran poder de atracción co conseguinte revulsivo económico e cultural.
Con esta carta pretendemos contribuír na mellora da alameda e a que se faga algo por recuperar a utilización deste lugar máis aló das feiras e das festas. Estamos ante un espazo representativo da vila e con moita importancia ao longo da historia de Ponte Caldelas.
Se vostede quere pode ollar o traballo completo do grupo poderá achegarse a el na ligazón seguinte:
Atentamente,

                   Os alumnos de 3º da ESO do IES de Ponte Caldelas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario